28 abril 2011

na costa da morte, abril 2011

Propuxémonos unha semana santa sen semana santa e abofé que o conseguimos. Uns días de paisaxes abraiantes cunha boa dose de gastronomía da zoa, que nos fixeron esquecer por completo toda a parafernalia da semana santa. Uns minutos agardando en Corcubión a que pasara unha procesión foi o único que nos fixo lembrar en que época estabamos.
O noso percorrido

Luns, 25.  A Coruña - Malpica - Cabo S. Adrián - Punta Nariga - Laxe (85 km)
Martes, 26.  Laxe - Corme Aldea - Roncudo - Punta Roncudo - Corme - Camariñas (60 km)
Mércores, 27.  Camariñas - Praia de Traba - Camelle - Arou - Cabo Vilán - Camariñas - Nemiña (60 km)
Xoves, 28. Nemiña - Cabo Touriñán - Muxía - Lires - Fisterra (40 km)
Venres, 29.  Fisterra - Praia do Rostro - Lires - Camariñas - A Coruña (140 km)

Entre parénteses recéllense os kilómetros aproximados feitos cada día en coche, non os das rutas a pé.
No mapa de abaixo, en bermello a ruta aproximada que seguimos desde Malpica ata Fisterra. Destácanse algúns lugares de interés.



Presuposto aproximado (2 persoas)

Aloxamento 4 noites (c/ almorzo): 330 €
Xantar e ceas (8): 484 €
Taxis : 36 €
Diesel (500 km): 50 €

Total por persona: 450 €

Clima
En Galicia, e na costa da morte, hai que contar coa posibilidade de que poida chover en calqueira momento, polo que é aconsellable dispoñer de roupa de choiva, especialmente dun calzado impermeabel si se pensa camiñar.
Enderezos de utilidade

Restaurantes
Tira do cordel               Fisterra
Puerto Arnela               Camariñas

Aloxamentos
Casa de Arrueiro          Laxe
Torre de Laxe              Laxe
Lugar de Cotariño       Camariñas
Fontequeiroso              Nemiña
Insula Finisterrae         Fisterra

A nosa viaxe, de día en día

Luns, 25.  A Coruña - Cabo S. AdriánPunta Nariga - Laxe
Desde A Coruña, saímos buscando a costa ata a bonita praia Barrañán. Alí comemos en casa Marisa un menú do día do que hai que destacar uns callos exquisitos. Desde ahí fomos a percura da autovía ata Carballo e pouco  despois estabamos en Malpica que, ainda que ocupa un lugar privilexiado, o pobo, como tantos da costa galega perdeu parte do seu encanto cunhas construccións totalmente fora de lugar e cunha absoluta falta de estética. Así que nos diriximos directamente ata a ermida do cabo S. Adrián, a onde se chega por un paseo que ven desde Malpica. Desde a ermida sae un pequeno vieiro para face a pé, que vai bordeando a costa no que se ten unha espléndida panorámica das illas Sisargas, e, ainda que non o fixemos completamente, da a impresión de chegares a Punta Nariga, aonde chegamos no coche. É un fermoso faro de construcción relativamente reciente, obra do escultor César Portela. Desde alí disfrútase dunhas fermosas vistas.


Para esa noite tiñamos unha reserva en Laxe, no hotel Torre de Laxe (92 €). É un pequeno hotel de reciente apertura, limpísimo, cunhas confortabeis habitacións e un baño moi coidado. Ainda que hai unha terraza con boas vistas, as da nos habitación non eran especialmente atractivas. Hai tamen uns apartamentos no xardín traxeiro que presentan moi bo aspecto. Moi boa atención por parte do persoal do hotel. O almorzo, con zumo, tostadas e cruasán é mellorable. Pareceunos que o prezo é un pouco elevado.
Para cear fomos a Laxe, un pobo agradable, cun bonito porto e algunhas atractivas ruas interiores. Decidimonos pola Casa do arco. O comedor, presidido por uns grandes ventanais, ofrece unha estupendas vistas do porto, ainda que algúns cristais non estaban especialmente limpos. Para comezar, uns camaróns e unhas ameixas a prancha realmente exquisitos, ámbolos dous. Quixemos  logo compartir unha ración de sargo e o camareiro, entre medias palabras e sendo pouco craro quixo entender que pediramos  un sargo para dous. Resultado, un sargo de algo máis de 1 kg, a un prezo excesivo (máis de 40 €), cunha preparación que non lle favorecía moito. Resumindo, productos de calidade pero a elevado prezo, cunha atención deficiente. Non nos quedaron gañas de voltar.

Martes, 26.  Laxe - Corme Aldea - Roncudo - Punta Roncudo - Corme - Camariñas

Pincha no círculo verde para ver acceder a descrición do roteiro

A idea inicial era rodear a península de Corme camiñando pola beira do mar. Para elo deixamos o coche en Corme Aldea e segumios a estrada en dirección Guxín para pronto abandonala seguindo o que parecía un cómodo camiño á nosa esquerda para pasar á parte norde da península. Ós poucos minutos os toxos facían imposible seguir por él así que fomos subindo monte arriba buscando os muiños do parque eólico que se amosaban no alto. Chegamos non se certa dificultade abríndonos paso a paos entre os toxos. Unha vez no cumio só puidemos seguir polos camiños de mantenimento do parque, que permite por veces disfrutas dunhas estupendas panorámicas marítimas.  Unha das sorpresas do percorrido foi a a fermosa aldea de O Roncudo. Cáseque abandonada, poidemos charlar con 3 dos seus poucos veciños, especialmente con Jesús, un entrañable veciño, moi amable e preocupado poso seu entorno Unha desas persoas coas que gosta atoparse. Él nos fixo saber das dificultades de chegar a Punta Roncudo pola beiramar, polo que tivemos que continuar polos camiños do parque ata chegaren xusto enriba do faro de Punta Roncudo. O intenso amarelo das chorimas cubría toda a ladeira agás unha zoa fresada na que non había toxos e pola que en poucos minutos puidemos baixar ata o faro. Ainda que chovera intermitentemente durante toda a mañán, agora comezou a facelo sen piedade, o que non nos impedíu achegarnos a admirar os percebes nas rochas a carón do faro.
Quedaban 3 km ata Corme e 2 máis ata o coche e totalmente empapados comezamos a camiñar pola pista asfaltada que leva á vila. Afortunadamente ós poucos minutos un rapaz recolleunos no seu coche evitándonos ter que chegar a nado ata Corme Aldea. Díxonos que sí era posible chegar desde a praia de Brada ata o faro. Ainda que pouco despois nesta  fermosa e escondida praia un mariñeiro afirmaba o contrario.

Comemos en Corme, no restaurante Miramar. Un restaurante de comida caseira cun gran ventanal que permite disfrutar dunha estupenda vista da ría de Corme. Medio quilo de percebes (40 €/Kg), rodaballo da ría, albariño e postre (70 €) foron un bó remate para unha mañá de mar, toxos e auga.
Desde o mirador de Monte Branco disfrútase dunha panorámica da desembocadura do río Anllóns e do seu paso por Ponteceso (lugar de nacemento do poeta Eduardo Pondal), ainda que a néboa non nolo permitíu a nós, pero sí pasear pola fermosa praia de BalarésNun extraño edificio, cunhas cristaleiras que permiten admirar a paisaxe, está outro restaurante Miramar, rexentado polos mesmos propietarios do de Corme.
Esa noite aloxámonos no Hotel Rústico Lugar do Cotariño. A menos de 2 km de Camariñas, é un fermoso lugar. Varias casas de pedra con moito gusto nas que se distribúen unhas poucas habitacións e as zoas comúns. As habitacións son amplas, con luz, moi limpas e decoradas con gusto. Hai unha sá común moi ampla con cómodos sofás e un ordenador para uso dos clientes. Ademáis desde alí mesmo, pódese chegar ó cabo Vilán por un vieiro de pouco máis de 2 km. As únicas pegas, o almorzo, pouco variado (tostadas, zumo e cruasán) e o prezo (90 €). 
Ceanos no restaurante Puerto Arnela, en Camariñas. Un comedor moi agradable e uns prezos sen competencia. Un caldo riquísimo (2'20€), percebes e unha exquisita caldeirada de bertorella, con albariño e postre por 50 €.

Mércores, 27.  Camariñas - Praia de Traba - Camelle - Arou - Monte Branco - Cemiterio dos ingleses -  Cabo Vilán -  Camariñas - Nemiña

Pincha no círculo verde ou no bermello para acceder a máis información do roteiro

Deixamos o coche en Camariñas e desde alí fomos en taxi (20 €) á praia de Traba. Amaneceu un día precioso, cunha certa brétema que comezaba a desaparecer mentras paseábamos entre as rochas da praia. Alí comeza un camiño pola beiramar marcado cunha flecha azul (que percorre toda a costa da morte). O paseo é moi cómodo, sempre a carón do mar, que batia con forza contra as rochas, esculpidas polo vento e a auga formando todo tipo de figuras en función do maxín de cada quén. Ó final pásase por un pequeno tramo de bosque antes de chegar, despois de 5 km, a Camelle. Outro pobo enclavado nun lugar espectacular cunhas construccións pouco afortunadas, como en tantos das costas galegas. O final da vila está o museo do alemán, un curioso lugar obra de Manfred, un curioso personaxe que chegou de Alemaña a finais dos 50 e vívíu en Camelle, construindo a súa particular obra, facendo composicións con pedras círculos que pintaba polo peirao. Morreu ó día seguinte do desastre do Prestige, no ano 2002. A Xunta de Galicia prometeu facer un museo na zoa pero o aspecto actual é de total abandono. Hai que ter en conta que desde aquí ata Camriñas non hai ningún tipo de servicios básicos.


 Moi perto do museo sae o camiño, no que agora conviven as flechas azuis con outras brancas e moradas, que leva a Arou, unha pequena poboación, que tamén disfruta dun enclave espectacular. Ó final dun paseo a carón da praia, unha pista asfaltada comeza unha subida que nos levará dos 0 m ata 140 m. En certo momento seguimos un atallo que, entre pinos, permite atallar un pouco. Máis adiante cabe a posibilidade dun novo atallo por un fermoso pinar en vez de seguir polo asfalto, ainda que obriga a baixar de novo ata cáseque os 0 m para pasar un río e de novo subir a  un pouco máis de 140 m. En calquiera caso chégase a un punto da pista asfaltada na que é absolutamente recomendable abandonala para dirixirse ó cumio do Monte Branco, a uns 500 m da pista. A vista desde aquí é abraiante. Á dereita Arou e ó fondo á praia de Laxe e á esquerda unha das mais fermosas paisaxes de Galicia, unha duna que cae desde os 140 m nos que estamos ata o nivel do mar e logo unha sucesión de pequenas praias nas que bate o mar con máis ou menos forza, pero sempre con fermosas ondas, rematando no cemiterio dos ingleses, un lugar adicado ó naufraxio do Serpentno ano 1809, un barco da mariña inglesa, no que morreron 172 tripulantes, enterrados polos veciños neste lugar. Unha delicia baixar pola duna e o paseo polas praias. O camiño continúa despois por unha pista de terra, tamén apta para a circulación de coches, ainda que pouco transitada, con máis praias (Reira, Pedrosa) e curiosas formacións rochosas. Á nosa dereita sempre a impactante silueta do faro Vilán e os illotes do fronte que semellan, segundo a perspectiva, un camelo ou un cabalo...
Á altura do faro abandonamos a pista de terra para seguir por un pequeno camiño que, sempre á beira do mar, levaranos ata Camariñas. Agora teremos á nos dereita a silueta da ermida da Virxe da Barca, en Muxía, ó outro lado da ría. Antes de chegar ainda pasaremos pola bonita praia do Lago.

Foron 30 km por un dos sendeiros de costa máis bonitos .. pode parecer esaxerado, pero creo que sí, que se pode decir: do mundo. Só a intervención do home neste traxecto faime ser prudente nesta afirmación.

Aloxámonos no hotel rústico Casa Fontequeiroso (65 €), perto de Nemiña. Habitacións cómodas e moi limpas. Ainda que a que ocupamos, na pranta baixa, tiña unhas vistas pouco atractivas, as do piso superior dispoñían de moito mellor situación así como a sá común cun amplo ventanal cara o val. As duas mulleres que atenden a casa son moi amables e dispostas a axudar para organizar calqueira saída pola zoa. O almorzo é, agora sí, moi bon, con zumo de laranxa natural, un pan moi bo tostado, ovo frito, doce caseiro, queixo do país... En definitiva, moi boa relación calidade/prezo.
Tamén se podía cear, pero como había que agardar ainda 1 hora, a mesma propietaria nos recomendou o restaurante Saburil, na praia de Nemiña. Alí demos boa conta duns percebes e dun centolo de máis de 1 kg, o que nos tivo máis entretidos que o partido de final da copa do rei que poñían na tele, ó fondo do comedor.

Xoves, 28.  Nemiña - Cabo Touriñán - Moreira - Martineto - Lourido - Praia Lourido -  Muxía - Fisterra

Pincha no círculo verde ou no bermello para acceder a máis información do roteiro

Tiñamos pensado ir desde o cabo Touriñán ata Fisterra pero unha información que vimos nun folleto falando dun roteiro desde Muxía ó cabo fíxonos mudar de opinión. Tamén hai un camiño que leva  desde a praia Nemiña ata o faro Touriñá, pero queríamos chegar a comer ata Muxía polo de decidimos comezar no faro e ata alí levamos o coche, pasando pola fermosa aldea de Touriñán cuns bos exemplares representativos dos cabazos da zoa. Cun día espectacular, saímos cara o norde seguindo uns carreiros que bordean o mar mentres nos foi posible, disfrutando das vistas dos coídos e cantís polos que iamos pasando. Despois dalgunha batalla cos toxos chegamos ó coído de Moreira, solitario como todas as praias polas que pasamos a pesar de que o sol quentaba nese momento con certa forza. Desde alí subía un carreiro cunha forta pendiente seguindo a iña de costa, pero daba a impresión de pecharse ós poucos con toxos polo que decidimos seguir as informacións que tiñamos e continuar pola pista asfaltada que leva á aldea de Moreira para logo atravesando un pinar con moita sombra, que se agradecía, chegar ata Viseo. Aquí un desvío permite atallar por corredoiras ata volver a chegar a estrada. Desde aquí restan uns 10 km ata Muxía que se fan, agás un tramos pola praia de Lourido, xa sempre por asfalto. Uns 2 km antes da aldea de Lourido paga a pena deixar a estrada para subir a un alto, apenas a 200 m, desde o que se disfruta dunha abraiante panorámica do entorno de Muxía coa silueta cabo Vilán recortada ó fondo. Ata alí chega unha pista que probablemente se poidera haber collido máis atrás aforrándonos un bo tramo de asfalto.


De súpeto, o sol desapareceu e o ceu ennegreceu pouco a pouco e xusto cando nos sentabamos na terraza do restaurante O Coral, en Muxía, o ceo abríuse e deixou caer un auténtico diluvio cun fondo de lóstregos e tronos que amenizaron a nosa comida. O restaurante ten uns precios moi bós e resulta unha boa opción para comer na zoa.
Voltamos nun taxi (16 €) ata o cabo a polo coche. Baixamos pola costa pasando pola fermosa aldea de Lires, deténdonos por uns momentos para admirar a paisaxe desde a desembocadura do río Castro. Desde aquí é posible seguir un tramo da extensión do camiño de Santiago a Fisterra que nos leva ata a praia do Rostro. Despois un roteiro indicado como Mar de Fora permite chegar ata a fermosísima praia de Arnela, pero, segundo os veciños, non é posible chegar ata a praia do Mar de Fora por camiños polo que habería que seguir as estradas asfaltadas ou voltar ó camiño de Santiago na aldea de Duio para chegar ata Fisterra. Nos fixémos este recorrido no coche chegando a tempo para disfrutar do solpor na praia de Mar de Fora.
Non había lonxa por ser festivo pero si se ten oportunidade merece a pena asistir á subasta do peixe. O edificio está habilitado para recibir visitas sen importunar ó persoal que está a traballar.


Para rematar a xornada ceamos no restaurante Tira do Cordel, en Fisterra. Sen dúbida, a mellor comida de todas. Un lugar acolledor situado nun extremo da preciosa praia Langosteira onde demos boa conta duns percebes de bo tamaño (75 e/Kg) (dunha rocha moi especial, segundo o encargado), sabrosísimas cigalas e un robalo salvaxe realmente exquisito. Cun bo ribeiro e postre supuxo un total de 80 €. Realmente a relación calidade/prezo é excepcional.
Aloxamonos hoxe no hotel rústico Insula Finisterrae. Dispón dunhas habitacións moi acolledoras e, ó estar na parte máis alta da vila, ten con boas vistas, especialmente as habitacións que dispoñen de galería. Na parte baixa una gran lareira e uns cómodos sofás, ademáis dun amplo surtido de prensa rexional e nacional. O almorzo é de calidade e xeneroso, con bo pan, doces caseiros, e filloas (ainda que estas son mellorables.)
Está a só uns minutos da praia de Mar de Fora o que permite fácilmente achegarse a disfrutar das magníficas postas de sol (cando o hai...)

Venres, 29.  Fisterra - Camariñas - A Coruña 
Amaneceu hoxe un día chuvios que deu un respiro para poder dar un relaxante paseo polo borde da praia Langosteira pasamos por Camariñas onde xantamos no restaurante O meu lar. Alí tomamos uns camaróns (non tan exquisitos como os que comeramos en Laxe pero tamén é certo que por un prezo 5 veces menor) que se mantiñan vivos nun viveiro á entrada do restaurante. Ainda que unha das especialidades do lugar é a caldeirada non a había  xa que neses días había demasiada xente debido á que se celebraba unha feira adicada ó encaixe de Camariñas. Eramos 4 e unha boa comida, incluindo tamén percebes, non chegou a 100 €. Outro lugar que merece a pena visitar en días con menos agobios de público.

Rematamos así esta viaxe que nos permitíu adentrarnos nas paisaxes e gastronomía dunha zoa relativamente descoñecida, que mantén lugares ainda cáseque virxes. Deixamos as portas abertas para facer noutra ocasión algunhas rutas que agora quedaron só insinuadas...




0 comentarios: